quarta-feira, 15 de novembro de 2017

Que ten de valor a froita autóctona?


Levamos un tempo intentando evitar que desaparezan definitivamente as variedades locais de froiteiras que, por mui diversas razóns, foron ficando relegadas e até esquecidas nas nosas hortas. Queremos que as persoas que veñan detrás de nós poidan desfrutar da inmensa gama de arrecendos, sabores, cores e formas das que nos fornecen as froitas locais, máis aló da uniformidade e a insipidez das que nos propón o mercado globalizado.

Consideramos que as variedades locais de froiteiras teñen muitos valores, alén dos organolépticos e nutricionais, dos que queremos destacar os seguintes:

Valor cultural: Estas variedades pertencen á cultura e aos sinais de identidade dos grupos sociais que as coñecen.
Desde o máis reducido círculo familiar (o mazaeiro “do bisabó”, a pereira do tío, etc.) até a comunidade local, son recoñecidas como parte da herdanza común e dos elementos que vinculan socialmente a estes grupos.
Continuando o seu cultivo axúdase a que se prolongue o fío cultural que nos une coas xeracións pasadas. Non é exaxerado afirmar, en consecuencia, que estas variedades tenen importancia cultural e patrimonial, como os monumentos, os traxes de época ou as reservas naturais.

Valor emotivo: Tampouco se pode perder de vista nen minusvalorar a relación sentimental persoal con estas variedades.
Na práctica, constátase que a maior parte deste patrimonio está en mans de labregos/as maiores que sinten agarimo á súas árbores (ademáis de estar, obviamente, habituados ao gusto dos seus froitos). O grande risco é que o seu envellecimento e morte supoña á súpeta desaparición do cuidado e do seu coñecimiento.
Por iso é moi importante revalorizar estas variedades para favorecer que as novas xeracións desenvolvan estes sentimentos de identidade e recoñecimento.

Valor comercial: Ás veces trata-se de variedades que son mui coñecidas e valoradas a escala comarcal ou local. Forman parte de circuitos de comercialización de pequena distancia.
O cambio nos hábitos de compra por parte do/a consumidor/a e a concentración da distribución comercial supón unha seria ameaza. De desaparecer, perderanse oportunidades económicas que tenen, ademáis, unha íntima relación co desenvolvemento do territorio.

Valor xenético: As variedades locais tenen unha utilidade permanente como posible fonte de variabilidade xenética para os programas de mellora e selección de novas variedades. Custodiar e conservar este xermoplasma debera ser unha responsabilidade pública, independentemente de que desde o sector privado se considere preciso tamén realizar esforzos de conservación e mantemento.

Valor para a seguridade alimentaria: Tal e como afirma a FAO: “Os recursos xenéticos sosteñen os medios de subsistencia de todas as persoas do planeta. Son a materia prima utilizada para a produción de novos cultivares e especies, e constitúen unha reserva de adaptabilidade xenética, que sirve de protección contra cambios ambientais e económicos que puideran ser nocivos. O desgaste destes recursos supón un serio perigo para a seguridade alimentar mundial a longo prazo.”

Valor agronómico: As variedades locais teñen demostrado a súa adaptación ás condicións particulares do seu medio.
Sen caer na mitificación de consideralas como as que mellor expresan esta adaptación, é conveniente telas en consideración como parte das posibles alternativas para cada zona concreta.
Ás veces, tamén demostran tolerancia ou resistencia a certas pragas ou enfermidades. Obviamente, non todas as variedades locais demostran esta tolerancia; de feito, algunhas son más susceptibles que los cultivares comerciais.
Pero, en todo caso, é necesario investigar e catalogar estas tolerancias ou resistencias, de modo que as variedades que a manifesten poidan ser recomendadas para determinadas situacións ou poidan ser utilizadas nos programas de mellora xenética.

Valor social: A variabilidade e diversidade biolóxica é unha ferramenta importante para a defensa da nosa soberanía alimentar. Nun momento como o actual, na que a maior parte da nosa alimentación ven das mans dun número mui reducido de multinacionais.



Sem comentários:

Enviar um comentário