sábado, 25 de fevereiro de 2023

Enxertos de xema: o que hai que facer ao inicio da primavera

 

Aos enxertos de xema que fixemos no verán, ao principio da primavera seguinte hai que deixalos listos para que saian adiante:


Comprobamos que o enxerto esteña preso:

Se vemos que o enxerto está ben incrustado no patrón seguramente está preso.

Pola contra se se despega con facilidade ou ten unha cor mui distinta e aspecto seco, iso indica que, seguramente, non tivemos éxito; neste caso non facemos nada e aproveitamos o patón para volver enxertalo.





Cortamos por encima do enxerto (do de máis arriba que prendera, se lle puxemos máis de un), inclinado a tixeira para que o corte quede vertente cara á parte oposta á que fixemos o enxerto, de maneira que a posible chuvia non escorra por encima da xema.



O resultado final debera ser algo así:



Agardamos a que a primavera faga a súa maxia; imos sacando a vexetación que poida sair por debaixo do punto de enxerto.

quinta-feira, 13 de outubro de 2022

FROITEIRAS DE NOSO






Temos novo espazo 
Visítanos en https://froiteirasdenoso.blogspot.com/



No Sindicato Labrego Galego levamos un tempo tentando localizar variedades locais de froiteiras que, por diversos motivos, foron indo a menos no territorio até o ponto de estar en claro risco de desaparecer.

Entendemos que son moitas as razóns polas que convén rescatar do esquecemento estas árbores para que volvan ter a importancia que tiveron noutros momentos. Cremos que poden chegar a ter un papel importante para rachar a nosa dependencia alimentar como País, xa que poden axudar no futuro a asegurar a nosa capacidade produtiva para fornecer de alimentos sans, diversos, locais e de calidade ao conxunto da poboación do territorio.
Son, ao noso ver, imprescindíbeis para incrementar a nosa resiliencia colectiva e para camiñar cara á Soberanía Alimentar de Galiza.

Neste momento estamos realizando un traballo de prospección no territorio da provincia de Lugo para tentar recoller información sobre a presencia destas variedades nas distintas comarcas e a súa situación, co obxectivo último de evitar a súa desaparición.

Para este fin precisamos da colaboración de todas as persoas que acrediten na importancia de non perder de xeito irreversíbel estes recursos que son parte do noso patrimonio colectivo; e tamén buscamos a colaboración e a complicidade de asociacións ou colectivos actuantes no territorio que poidan compartir estes obxectivos.

No caso de que vos resulte interesante, poñémonos á vosa disposición para facer este traballo no voso territorio.

Ponte en contacto con nós no teléfone 630970132 (tamén Telegram e WhatsApp), no correio froiteirasdenoso@sindicatolabrego.gal ou en calquer local do Sindicato Labrego Galego


                                                                                                                    Colabora







sexta-feira, 21 de fevereiro de 2020

Xornadas de fruticultura en Valcarría






Seguindo coa teima de recuperar as nosas variedades locais de froiteiras, imos encetar o traballo na Mariña Occidental, concretamente en Valcarría, concello de Viveiro.

As xornadas van ter lugar na Escola de Valcarría, os días 28 e 29 de febreiro e 6 e 7 de marzo; o horario vai ser de 16,00 a 19,00 os venres, e de 10,30 a 13,30 e de 16,00 a 19,00 os sábados.

Pretendemos localizar o maior número de variedades locais de pereiras e maceiras, e reproducilas mediante enxerto para evitar a súa desaparición. Tamén adicaremos algún tempo á poda.

Para participar é preciso anotarse (as prazas son limitadas) no teléfone 630970132 ou no correio avillarino@mundo-r.com.






.

terça-feira, 13 de fevereiro de 2018

Froiteiras para transplantar 2018

Xa estamos no tempo de plantar; e coma todos os anos poñemos á disposición das persoas amantes da fruticultura e das variedades locais as árbores que enxertamos con éxito nas xornadas formativas do ano pasado.

Entra no seguinte enlace para ver a relación completa:


Podes facer a túa petición no correio tonhovillarino@gmail.com ou no teléfone 630970132 (Tamén Telegram e WhatssApp). As peticións van-se atender por orden de recepción, e van ter preferencia as persoas que participaron nas xornadas formativas do ano pasado. Recomenda-se non pedir máis de tres exemplares dunha variedade.



quarta-feira, 15 de novembro de 2017

Precisamos da túa colaboración!!!


Se sabes dalgunha froiteira de variedade local que poida estar en perigo de desaparición, ou que teñas interés en reproducir, fainolo saber.

Enche esta ficha de prospección con todos os datos que poidas (non é preciso que os cubras todos) e envíanola ao correio tonhovillarino@gmail.com


Na medida das nosas posibilidades, poñerémonos en contacto contigo para tentar enxertala e reproducila, e así evitar a súa desaparición.  

Que ten de valor a froita autóctona?


Levamos un tempo intentando evitar que desaparezan definitivamente as variedades locais de froiteiras que, por mui diversas razóns, foron ficando relegadas e até esquecidas nas nosas hortas. Queremos que as persoas que veñan detrás de nós poidan desfrutar da inmensa gama de arrecendos, sabores, cores e formas das que nos fornecen as froitas locais, máis aló da uniformidade e a insipidez das que nos propón o mercado globalizado.

Consideramos que as variedades locais de froiteiras teñen muitos valores, alén dos organolépticos e nutricionais, dos que queremos destacar os seguintes:

Valor cultural: Estas variedades pertencen á cultura e aos sinais de identidade dos grupos sociais que as coñecen.
Desde o máis reducido círculo familiar (o mazaeiro “do bisabó”, a pereira do tío, etc.) até a comunidade local, son recoñecidas como parte da herdanza común e dos elementos que vinculan socialmente a estes grupos.
Continuando o seu cultivo axúdase a que se prolongue o fío cultural que nos une coas xeracións pasadas. Non é exaxerado afirmar, en consecuencia, que estas variedades tenen importancia cultural e patrimonial, como os monumentos, os traxes de época ou as reservas naturais.

Valor emotivo: Tampouco se pode perder de vista nen minusvalorar a relación sentimental persoal con estas variedades.
Na práctica, constátase que a maior parte deste patrimonio está en mans de labregos/as maiores que sinten agarimo á súas árbores (ademáis de estar, obviamente, habituados ao gusto dos seus froitos). O grande risco é que o seu envellecimento e morte supoña á súpeta desaparición do cuidado e do seu coñecimiento.
Por iso é moi importante revalorizar estas variedades para favorecer que as novas xeracións desenvolvan estes sentimentos de identidade e recoñecimento.

Valor comercial: Ás veces trata-se de variedades que son mui coñecidas e valoradas a escala comarcal ou local. Forman parte de circuitos de comercialización de pequena distancia.
O cambio nos hábitos de compra por parte do/a consumidor/a e a concentración da distribución comercial supón unha seria ameaza. De desaparecer, perderanse oportunidades económicas que tenen, ademáis, unha íntima relación co desenvolvemento do territorio.

Valor xenético: As variedades locais tenen unha utilidade permanente como posible fonte de variabilidade xenética para os programas de mellora e selección de novas variedades. Custodiar e conservar este xermoplasma debera ser unha responsabilidade pública, independentemente de que desde o sector privado se considere preciso tamén realizar esforzos de conservación e mantemento.

Valor para a seguridade alimentaria: Tal e como afirma a FAO: “Os recursos xenéticos sosteñen os medios de subsistencia de todas as persoas do planeta. Son a materia prima utilizada para a produción de novos cultivares e especies, e constitúen unha reserva de adaptabilidade xenética, que sirve de protección contra cambios ambientais e económicos que puideran ser nocivos. O desgaste destes recursos supón un serio perigo para a seguridade alimentar mundial a longo prazo.”

Valor agronómico: As variedades locais teñen demostrado a súa adaptación ás condicións particulares do seu medio.
Sen caer na mitificación de consideralas como as que mellor expresan esta adaptación, é conveniente telas en consideración como parte das posibles alternativas para cada zona concreta.
Ás veces, tamén demostran tolerancia ou resistencia a certas pragas ou enfermidades. Obviamente, non todas as variedades locais demostran esta tolerancia; de feito, algunhas son más susceptibles que los cultivares comerciais.
Pero, en todo caso, é necesario investigar e catalogar estas tolerancias ou resistencias, de modo que as variedades que a manifesten poidan ser recomendadas para determinadas situacións ou poidan ser utilizadas nos programas de mellora xenética.

Valor social: A variabilidade e diversidade biolóxica é unha ferramenta importante para a defensa da nosa soberanía alimentar. Nun momento como o actual, na que a maior parte da nosa alimentación ven das mans dun número mui reducido de multinacionais.



quinta-feira, 31 de agosto de 2017

Xornadas de enxerto de xema
















Os días 16 e 23 de setembro imos realizar as habituais xornadas de enxerto de xema, en mazaeiros e en pereiras.

Se estás interesada en iniciarte nesta práctica, ou en mellorar as túas habiliades, infórmate e apóntate nos locais do SLG da comarca da Mariña o máis axiña posíbel. As prazas son limitadas.