quarta-feira, 15 de novembro de 2017

Precisamos da túa colaboración!!!


Se sabes dalgunha froiteira de variedade local que poida estar en perigo de desaparición, ou que teñas interés en reproducir, fainolo saber.

Enche esta ficha de prospección con todos os datos que poidas (non é preciso que os cubras todos) e envíanola ao correio tonhovillarino@gmail.com


Na medida das nosas posibilidades, poñerémonos en contacto contigo para tentar enxertala e reproducila, e así evitar a súa desaparición.  

Que ten de valor a froita autóctona?


Levamos un tempo intentando evitar que desaparezan definitivamente as variedades locais de froiteiras que, por mui diversas razóns, foron ficando relegadas e até esquecidas nas nosas hortas. Queremos que as persoas que veñan detrás de nós poidan desfrutar da inmensa gama de arrecendos, sabores, cores e formas das que nos fornecen as froitas locais, máis aló da uniformidade e a insipidez das que nos propón o mercado globalizado.

Consideramos que as variedades locais de froiteiras teñen muitos valores, alén dos organolépticos e nutricionais, dos que queremos destacar os seguintes:

Valor cultural: Estas variedades pertencen á cultura e aos sinais de identidade dos grupos sociais que as coñecen.
Desde o máis reducido círculo familiar (o mazaeiro “do bisabó”, a pereira do tío, etc.) até a comunidade local, son recoñecidas como parte da herdanza común e dos elementos que vinculan socialmente a estes grupos.
Continuando o seu cultivo axúdase a que se prolongue o fío cultural que nos une coas xeracións pasadas. Non é exaxerado afirmar, en consecuencia, que estas variedades tenen importancia cultural e patrimonial, como os monumentos, os traxes de época ou as reservas naturais.

Valor emotivo: Tampouco se pode perder de vista nen minusvalorar a relación sentimental persoal con estas variedades.
Na práctica, constátase que a maior parte deste patrimonio está en mans de labregos/as maiores que sinten agarimo á súas árbores (ademáis de estar, obviamente, habituados ao gusto dos seus froitos). O grande risco é que o seu envellecimento e morte supoña á súpeta desaparición do cuidado e do seu coñecimiento.
Por iso é moi importante revalorizar estas variedades para favorecer que as novas xeracións desenvolvan estes sentimentos de identidade e recoñecimento.

Valor comercial: Ás veces trata-se de variedades que son mui coñecidas e valoradas a escala comarcal ou local. Forman parte de circuitos de comercialización de pequena distancia.
O cambio nos hábitos de compra por parte do/a consumidor/a e a concentración da distribución comercial supón unha seria ameaza. De desaparecer, perderanse oportunidades económicas que tenen, ademáis, unha íntima relación co desenvolvemento do territorio.

Valor xenético: As variedades locais tenen unha utilidade permanente como posible fonte de variabilidade xenética para os programas de mellora e selección de novas variedades. Custodiar e conservar este xermoplasma debera ser unha responsabilidade pública, independentemente de que desde o sector privado se considere preciso tamén realizar esforzos de conservación e mantemento.

Valor para a seguridade alimentaria: Tal e como afirma a FAO: “Os recursos xenéticos sosteñen os medios de subsistencia de todas as persoas do planeta. Son a materia prima utilizada para a produción de novos cultivares e especies, e constitúen unha reserva de adaptabilidade xenética, que sirve de protección contra cambios ambientais e económicos que puideran ser nocivos. O desgaste destes recursos supón un serio perigo para a seguridade alimentar mundial a longo prazo.”

Valor agronómico: As variedades locais teñen demostrado a súa adaptación ás condicións particulares do seu medio.
Sen caer na mitificación de consideralas como as que mellor expresan esta adaptación, é conveniente telas en consideración como parte das posibles alternativas para cada zona concreta.
Ás veces, tamén demostran tolerancia ou resistencia a certas pragas ou enfermidades. Obviamente, non todas as variedades locais demostran esta tolerancia; de feito, algunhas son más susceptibles que los cultivares comerciais.
Pero, en todo caso, é necesario investigar e catalogar estas tolerancias ou resistencias, de modo que as variedades que a manifesten poidan ser recomendadas para determinadas situacións ou poidan ser utilizadas nos programas de mellora xenética.

Valor social: A variabilidade e diversidade biolóxica é unha ferramenta importante para a defensa da nosa soberanía alimentar. Nun momento como o actual, na que a maior parte da nosa alimentación ven das mans dun número mui reducido de multinacionais.



quinta-feira, 31 de agosto de 2017

Xornadas de enxerto de xema
















Os días 16 e 23 de setembro imos realizar as habituais xornadas de enxerto de xema, en mazaeiros e en pereiras.

Se estás interesada en iniciarte nesta práctica, ou en mellorar as túas habiliades, infórmate e apóntate nos locais do SLG da comarca da Mariña o máis axiña posíbel. As prazas son limitadas.





sexta-feira, 10 de março de 2017

Consellos para a plantación dunha froiteira.








  1. Abrir un furado dunhas dimensións mínimas de 60 cm. de lado e de fondo. Máis grande canto peor sexa a calidade do terreo e canto máis idade teña o plantón. Ao rematar, cavar o fondo sen retirar a terra.
  2. Para plantar comézase por encher o furado ata a altura conveniente para colocar a planta, (tendo en conta que o enxerto debe permaneoer un mínimo de 10 cm. por riba do nivel do terreo), botando terra mesturada con algún abono orgánico (de 10 a 20 L/árbore), preferentemente esterco vello ben descomposto ou compost.
  3. Se a planta ven en contedor: Retira-la árbore da maceta presionando no Fondo da mesma ao tempo que se tira con coidado da planta. Débese eliminar a terra do exterior do cepellón (sobre un 30%) para que as raíces se integren ben no terreo.
  4. Se a planta é a raíz descuberta debe prepararse rebaixando algo as raíces moi longas e as danadas
  5. Colocar a planta e acabar de encher o furado con boa terra. Regar ben, pero non pisar se a planta é de cepellón. Sendo a raiz descuberta, pisar lixeiramente coa planta do pé ao rematar. De aa un tempo acabar de encher o furado, xa que adoita repisar a terra. Uns 15 días antes da brotación convén aplicar un fertilizante para favorecer o crecimento da planta
  1. Observacións:
  • Non enterrar o enxerto.
  • É favorábel abrir os furados con un mes ou máis de antelación.
  • Se a terra do cepellón está seca, mergullar a maceta en auga uns minutos. Se a planta é a raíz núa e se observan raíces resecas tamén se fará o mesmo.
  • Non convén plantar coa terra moi mollada, moi seca ou con xeada moi fortes
  • Débese entitorar a froiteira se o sitio é moi ventoso.
  • E fundamental manter a planta limpa de competencia herbácea polo menos até a implantación total, e prestar atención sobre todo ao ataque de pulgóns e fungos cando se trate de variedades sensíbeis.
  • O primeiro ano, caso de que frutifique, non se lle deberá deixar criar o froito, eliminándoo cando se forme, quitado que o vigor da planta lle permita manter unha mínima parte.

segunda-feira, 13 de fevereiro de 2017

Xornadas de poda e enxerto. Inverno 2017


Xa estamos en tempo de podar. E logo imos chegar as datas acaídas para o enxerto de púa. Unha vez máis chamamos a todas as persoas interesadas en todo o mundo da fruticultura a unhas xornadas formativas nas que imos aprender a podar e a enxertar, ou adquirir novos coñecementos e mellorar as nosas prácticas no caso das xa iniciadas.

Cándo: días 25 de febreiro, 4, 11 e 18 de marzo.
Horário: de 11,00 a 14,00 e de 16,00 a 19,00.
Ónde: Local do SLG en Lourenzá (Avda. Fernádez del Riego, nº 5, 1ºC). As prácticas vanse realizar en diversas fincas da zona.

Poden participar: Mulleres (calquera que sexa a súa situación laboral) homes activos agrarios e parentes en primeiro grado. As persoas interesadas que non esteñan nestas situacións poderán asistir como oíntes.

Para asistir é necesario anotarse no local do SLG en Lourenzá, nos teléfonos 982121376 e 630970132 ou nos correios tonhovillarino@gmail.com e lourenza@sindicatolabrego.com

Xa quedan mui poucas prazas.