quarta-feira, 15 de novembro de 2017

Que ten de valor a froita autóctona?


Levamos un tempo intentando evitar que desaparezan definitivamente as variedades locais de froiteiras que, por mui diversas razóns, foron ficando relegadas e até esquecidas nas nosas hortas. Queremos que as persoas que veñan detrás de nós poidan desfrutar da inmensa gama de arrecendos, sabores, cores e formas das que nos fornecen as froitas locais, máis aló da uniformidade e a insipidez das que nos propón o mercado globalizado.

Consideramos que as variedades locais de froiteiras teñen muitos valores, alén dos organolépticos e nutricionais, dos que queremos destacar os seguintes:

Valor cultural: Estas variedades pertencen á cultura e aos sinais de identidade dos grupos sociais que as coñecen.
Desde o máis reducido círculo familiar (o mazaeiro “do bisabó”, a pereira do tío, etc.) até a comunidade local, son recoñecidas como parte da herdanza común e dos elementos que vinculan socialmente a estes grupos.
Continuando o seu cultivo axúdase a que se prolongue o fío cultural que nos une coas xeracións pasadas. Non é exaxerado afirmar, en consecuencia, que estas variedades tenen importancia cultural e patrimonial, como os monumentos, os traxes de época ou as reservas naturais.

Valor emotivo: Tampouco se pode perder de vista nen minusvalorar a relación sentimental persoal con estas variedades.
Na práctica, constátase que a maior parte deste patrimonio está en mans de labregos/as maiores que sinten agarimo á súas árbores (ademáis de estar, obviamente, habituados ao gusto dos seus froitos). O grande risco é que o seu envellecimento e morte supoña á súpeta desaparición do cuidado e do seu coñecimiento.
Por iso é moi importante revalorizar estas variedades para favorecer que as novas xeracións desenvolvan estes sentimentos de identidade e recoñecimento.

Valor comercial: Ás veces trata-se de variedades que son mui coñecidas e valoradas a escala comarcal ou local. Forman parte de circuitos de comercialización de pequena distancia.
O cambio nos hábitos de compra por parte do/a consumidor/a e a concentración da distribución comercial supón unha seria ameaza. De desaparecer, perderanse oportunidades económicas que tenen, ademáis, unha íntima relación co desenvolvemento do territorio.

Valor xenético: As variedades locais tenen unha utilidade permanente como posible fonte de variabilidade xenética para os programas de mellora e selección de novas variedades. Custodiar e conservar este xermoplasma debera ser unha responsabilidade pública, independentemente de que desde o sector privado se considere preciso tamén realizar esforzos de conservación e mantemento.

Valor para a seguridade alimentaria: Tal e como afirma a FAO: “Os recursos xenéticos sosteñen os medios de subsistencia de todas as persoas do planeta. Son a materia prima utilizada para a produción de novos cultivares e especies, e constitúen unha reserva de adaptabilidade xenética, que sirve de protección contra cambios ambientais e económicos que puideran ser nocivos. O desgaste destes recursos supón un serio perigo para a seguridade alimentar mundial a longo prazo.”

Valor agronómico: As variedades locais teñen demostrado a súa adaptación ás condicións particulares do seu medio.
Sen caer na mitificación de consideralas como as que mellor expresan esta adaptación, é conveniente telas en consideración como parte das posibles alternativas para cada zona concreta.
Ás veces, tamén demostran tolerancia ou resistencia a certas pragas ou enfermidades. Obviamente, non todas as variedades locais demostran esta tolerancia; de feito, algunhas son más susceptibles que los cultivares comerciais.
Pero, en todo caso, é necesario investigar e catalogar estas tolerancias ou resistencias, de modo que as variedades que a manifesten poidan ser recomendadas para determinadas situacións ou poidan ser utilizadas nos programas de mellora xenética.

Valor social: A variabilidade e diversidade biolóxica é unha ferramenta importante para a defensa da nosa soberanía alimentar. Nun momento como o actual, na que a maior parte da nosa alimentación ven das mans dun número mui reducido de multinacionais.



quinta-feira, 31 de agosto de 2017

Xornadas de enxerto de xema
















Os días 16 e 23 de setembro imos realizar as habituais xornadas de enxerto de xema, en mazaeiros e en pereiras.

Se estás interesada en iniciarte nesta práctica, ou en mellorar as túas habiliades, infórmate e apóntate nos locais do SLG da comarca da Mariña o máis axiña posíbel. As prazas son limitadas.





sexta-feira, 10 de março de 2017

Consellos para a plantación dunha froiteira.








  1. Abrir un furado dunhas dimensións mínimas de 60 cm. de lado e de fondo. Máis grande canto peor sexa a calidade do terreo e canto máis idade teña o plantón. Ao rematar, cavar o fondo sen retirar a terra.
  2. Para plantar comézase por encher o furado ata a altura conveniente para colocar a planta, (tendo en conta que o enxerto debe permaneoer un mínimo de 10 cm. por riba do nivel do terreo), botando terra mesturada con algún abono orgánico (de 10 a 20 L/árbore), preferentemente esterco vello ben descomposto ou compost.
  3. Se a planta ven en contedor: Retira-la árbore da maceta presionando no Fondo da mesma ao tempo que se tira con coidado da planta. Débese eliminar a terra do exterior do cepellón (sobre un 30%) para que as raíces se integren ben no terreo.
  4. Se a planta é a raíz descuberta debe prepararse rebaixando algo as raíces moi longas e as danadas
  5. Colocar a planta e acabar de encher o furado con boa terra. Regar ben, pero non pisar se a planta é de cepellón. Sendo a raiz descuberta, pisar lixeiramente coa planta do pé ao rematar. De aa un tempo acabar de encher o furado, xa que adoita repisar a terra. Uns 15 días antes da brotación convén aplicar un fertilizante para favorecer o crecimento da planta
  1. Observacións:
  • Non enterrar o enxerto.
  • É favorábel abrir os furados con un mes ou máis de antelación.
  • Se a terra do cepellón está seca, mergullar a maceta en auga uns minutos. Se a planta é a raíz núa e se observan raíces resecas tamén se fará o mesmo.
  • Non convén plantar coa terra moi mollada, moi seca ou con xeada moi fortes
  • Débese entitorar a froiteira se o sitio é moi ventoso.
  • E fundamental manter a planta limpa de competencia herbácea polo menos até a implantación total, e prestar atención sobre todo ao ataque de pulgóns e fungos cando se trate de variedades sensíbeis.
  • O primeiro ano, caso de que frutifique, non se lle deberá deixar criar o froito, eliminándoo cando se forme, quitado que o vigor da planta lle permita manter unha mínima parte.

segunda-feira, 13 de fevereiro de 2017

Xornadas de poda e enxerto. Inverno 2017


Xa estamos en tempo de podar. E logo imos chegar as datas acaídas para o enxerto de púa. Unha vez máis chamamos a todas as persoas interesadas en todo o mundo da fruticultura a unhas xornadas formativas nas que imos aprender a podar e a enxertar, ou adquirir novos coñecementos e mellorar as nosas prácticas no caso das xa iniciadas.

Cándo: días 25 de febreiro, 4, 11 e 18 de marzo.
Horário: de 11,00 a 14,00 e de 16,00 a 19,00.
Ónde: Local do SLG en Lourenzá (Avda. Fernádez del Riego, nº 5, 1ºC). As prácticas vanse realizar en diversas fincas da zona.

Poden participar: Mulleres (calquera que sexa a súa situación laboral) homes activos agrarios e parentes en primeiro grado. As persoas interesadas que non esteñan nestas situacións poderán asistir como oíntes.

Para asistir é necesario anotarse no local do SLG en Lourenzá, nos teléfonos 982121376 e 630970132 ou nos correios tonhovillarino@gmail.com e lourenza@sindicatolabrego.com

Xa quedan mui poucas prazas.






sexta-feira, 2 de setembro de 2016

Xornada de enxerto de xema





O sábado 10 de setembro imos ter a xornada de fruticultura na que aprenderemos e practicaremos o enxerto de xema.

O horario vai ser de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00, no lugar habitual: O Vilar, Santo Adrao, Lourenzá (Finca de enxertado)

É conveniente anotarse no teléfono 630970132

quinta-feira, 11 de fevereiro de 2016

Froiteiras para trasplantar 2016


Adxuntase o listado de froiteiras que se poden transplantar neste inverno do 2016, que son as que enxertamos con éxito nas xornadas do ano pasado. Entra no seguinte enlace para ver a relación completa:

Listado de froiteiras


Fai a túa reserva no correio tonhovillarino@gmail.com ou no teléfone 630970132 (Toño). As peticións van-se atender por orden de recepción, e van ter preferencia as persoas que participaron nas xornadas formativas do ano pasado. Recomenda-se non pedir máis de tres exemplares dunha variedade.

segunda-feira, 25 de janeiro de 2016

Xornadas de fruticultura. Inverno 2016


As xornadas de fruticultura que vimos organizando nos últimos anos van ter continuidade neste 2016.

As datas previstas para a realización das primeiras son os días 20 e 27 de febreiro e 5 e 12 de marzo.

A temática vai ser a propia das datas: poda e enxerto.

A día de hoxe non temos financiación, polo que é posíbel que a participación non sexa gratuita, como viña sendo habitual. Seguimos buscando.

Se estás interesado/a en participar, apóntate chamando ao teléfone 630970132.


Màis información neste blogue nos próximos días.